Noticias de Ferrol Terra e outros lugares

sábado, 24 de março de 2007

Manifesto Cidadán d'Os Sen Voz de Galicia

Asociacións cidadáns, ecoloxistas e socioculturais agrupanse diante dos silencios, censura e manipulación do Grupo Voz en Ferrol Terra

Manifesto Cidadán

“Os sen Voz de Galicia”

Motivado ás censuras e manipulacións do grupo La Voz de Galicia, un colectivo de asociacións cidadáns, ecolóxistas e socioculturais agrupámonos transitoriamente baixo a denominación de “Os sen Voz de Galicia”. Compartimos un profundo malestar pola deriva de dito grupo nos últimos tempos en conivencia con posicións radicais conservadoras. Somos conscientes da importancia que este grupo de comunicación ten na conformación da opinión pública galega, e dende a nosa condición de cidadáns e cidadás galegas do século XXI entendemos que é necesaria unha profunda rectificación na liña editorial deste grupo, polo menos no que atinxe á bisbarra de Ferrol.

A nosa condición cidadá vimos amosandoa dende hai anos, pois a meirande parte de nós ten unha dilatada experiencia de traballo nos movementos sociais, e xa que logo, na vida pública da nosa bisbarra. No noso traballo social constatamos que nos derradeiros anos, a empresa de comunicación que é La Voz de Galicia, amosa unha predisposición a ignorar, censurar, manipular ou deformar a realidade social na que en Ferrol Terra vivimos e tamén as propostas que se crean dende a sociedade.

Estamos decididos a promover o exercicio dos dereitos de cidadanía, da liberdade de expresión que a Constitución recoñece, e mesmo un estatuto da profesión xornalística aínda pendente e atrancado por medios como La Voz de Galicia, porque son valores moi superiores a práctica de gañar cartos conculcando principios básicos da profesión xornalística e tamén da vida social democrática como a veracidade e a pluralidade.

Resulta esgotador o relatorio de problemáticas, feitos e conflitos da vida social, económica, política e cultural, da que somos parte, onde La Voz de Galicia censura ou manipula a información. Sirvan algúnhas mostras, sen ánimo de exhaustividade: censura do Premio José Couso do ano 2005 a Ignacio Ramonet Director do semanario Le Monde Diplomatique; censura da información que xeneran os que apostan por que a planta de gas se localice fóra da Ría de Ferrol: no Porto Exterior ou en mar aberto do Golfo Ártabro [ou noutro lugar máis seguro, ou simplemente que pensan que non é necesaria], mais adica páxinas enteiras a informacións caprichosas dos promotores de Reganosa; o apoio a postura do goberno municipal de Ferrol de privatizar espazos públicos na Praza de Sartaña, na Praza de España - Porta Nova cun edificio de sete plantas para usos privados, na Praza do Inferniño, na Praza de Amboaxe, Vivendas de Recimil, Montes de Brión, o apoio ao disparate do Sr Juncal de traer a Papeleira de Ence para a nosa Ría, o apoio cego a un proxecto abortado dunha piscifactoría na Praia de Ponzos, o respaldo aos depredadores da Fraga de Menáncaro, a manipulación da información en xeral e en particular nos sucesivos conflitos laborais, no convenio con defensa e a residencia universitaria. Os calificativos insultantes para os colectivos que defenden a recuperación da riqueza natural e marisqueira da Ría, ou a quen defenden a vida humana e os intereses xerais da cidadanía, etc.. En todo isto La Voz de Galicia ven actuando á contra dos intereses xerais dos veciños e das veciñas de Ferro Terra. Nós queremos ser claros, mais non inxenuos: recoñecemos a filiación da sistemática des-información, silencios e exclusións practicada por La Voz de Galicia, que nunha manchea de temas amosa a pantasma de poderosos intereses económicos cunha trama espúrea que a cidadanía comprometida ten a obriga de denunciar.

Na actual sociedade chamada de globalización capitalista, o impacto dos medios de comunicación acada unha grande importancia, quizais máis que noutrora. Os grandes medios de comunicación de masas teñen como obxectivo primeiro procuran gañar cartos e deste imperativo despréndese o corolario que fai que tendan a soster ideoloxicamente os poderes políticos e económicos dos que se “alimentan”. O grupo La Voz de Galicia é unha empresa privada que vai por un mal camiño sobre dunha base equivocada de que “solo existe o que se publica no seu xornal”, un erro de vulto porque tamén estamos entrando na chamada sociedade da información na que hai moitos medios e formas de comunicación.

Nada hai que obxectar a que un grupo de comunicación privado manteña a liña editorial que estime oportuna, consonte os seus intereses, mais si temos dereito, a cidadanía, a dispor dunha información veraz e plural, como recolle o artigo 20 da Constitución. Debémosnos e debémoslle a Ferrol Terra o compromiso de esixir a La Voz de Galicia que a transmisión dos feitos sexa obxecto de contraste e careo, con fontes diversas e datos mismamente fiables, en vez dos datos falsos ou manipulados, asemade dos silencios e censuras ás posicións distintas que La Voz de Galicia, en temas importantes que afectan a Ferrol Terra, nestes últimos anos se nega a publicar por ser daqueles que “non comulgan coas rodas” de muíño do propio medio, practicando éste o sectarismo da trasnoitada dictadura franquista, vulnerando os actuais dereitos constitucionais.

Mais pensamos que non todo vale nesa nefasta dinámica, polo que La Voz de Galicia debe mellorar cara a una información con valores que cómpre preservar, entre eles sinaladamente dous: VERACIDADE e PLURALIDADE. Se ámbolos dous se vulneran, comprométese de xeito irremediable a calidade da información, reducida entón a pobre condición dunha función informativa prostituída, mera mercadoría.

Queremos preservar da nosa crítica aos abnegad@s e bos profesionais traballador@s do grupo La Voz, non exentos da enorme precariedade laboral; paradoxos da globalización, que exalta a información e castiga as condicións de traballo d@s que a producen.

E lamentable que o Presidente do grupo Voz, Santiago Rei Fernández Latorre, por unha maioría dos concelleiros de Ferrol se lle teña otorgado o título de fillo adoptivo da cidade, nun contexto en que seu xornal está exercendo a maior censura e manipulación informativa en temas de moito interese para a maioría dos ferroláns e ferrolás, cos correspondentes perxuicios para a cidade.

O noso fondo malestar crítico e racional, pode condensarse nunha demanda de rectificación da praxe do grupo La Voz de Galicia, co fin de que sexan respectados os criterios de veracidade e pluralidade inherentes a unha praxe informativa honesta e profesional. Por todo ilo, como cidadanía crítica e informada, DEMANDAMOS: unha mínima información veraz e plural, de La Voz de Galicia, dos feitos e demandas sociais que acontecen na nosa bisbarra e nos temas que lle afectan.

Mentras non sexan satisfeitas estas demandas, o colectivo de “Os sen Voz de Galicia” seguirá incrementando seu número, e promovendo que non se merque dito xornal hasta que cambie súa inercia.

En Ferrol , a 20 de Marzo de 2007.

Saúdos ferrolterráns e ferrolterrás.
Os sen Voz de Galicia
- - - - - - - - - - - - - - - - - -

Um comentário:

sora-70@hotmail.com disse...
Este comentário foi removido pelo autor.
os.sen.voz@gmail.com - Designer: Douglas Bowman | Dimodifikasi oleh Abdul Munir Original Posting Rounders 3 Column