Manifesto Cidadán
A nosa condición cidadá vimos amosandoa dende hai anos, pois a meirande parte de nós ten unha dilatada experiencia de traballo nos movementos sociais, e xa que logo, na vida pública da nosa bisbarra. No noso traballo social constatamos que nos derradeiros anos, a empresa de comunicación que é La Voz de Galicia, amosa unha predisposición a ignorar, censurar, manipular ou deformar a realidade social na que en Ferrol Terra vivimos e tamén as propostas que se crean dende a sociedade.
Estamos decididos a promover o exercicio dos dereitos de cidadanía, da liberdade de expresión que a Constitución recoñece, e mesmo un estatuto da profesión xornalística aínda pendente e atrancado por medios como La Voz de Galicia, porque son valores moi superiores a práctica de gañar cartos conculcando principios básicos da profesión xornalística e tamén da vida social democrática como a veracidade e a pluralidade.
Resulta esgotador o relatorio de problemáticas, feitos e conflitos da vida social, económica, política e cultural, da que somos parte, onde La Voz de Galicia censura ou manipula a información. Sirvan algúnhas mostras, sen ánimo de exhaustividade: censura do Premio José Couso do ano 2005 a Ignacio Ramonet Director do semanario Le Monde Diplomatique; censura da información que xeneran os que apostan por que a planta de gas se localice fóra da Ría de Ferrol: no Porto Exterior ou en mar aberto do Golfo Ártabro [ou noutro lugar máis seguro, ou simplemente que pensan que non é necesaria], mais adica páxinas enteiras a informacións caprichosas dos promotores de Reganosa; o apoio a postura do goberno municipal de Ferrol de privatizar espazos públicos na Praza de Sartaña, na Praza de España - Porta Nova cun edificio de sete plantas para usos privados, na Praza do Inferniño, na Praza de Amboaxe, Vivendas de Recimil, Montes de Brión, o apoio ao disparate do Sr Juncal de traer a Papeleira de Ence para a nosa Ría, o apoio cego a un proxecto abortado dunha piscifactoría na Praia de Ponzos, o respaldo aos depredadores da Fraga de Menáncaro, a manipulación da información en xeral e en particular nos sucesivos conflitos laborais, no convenio con defensa e a residencia universitaria. Os calificativos insultantes para os colectivos que defenden a recuperación da riqueza natural e marisqueira da Ría, ou a quen defenden a vida humana e os intereses xerais da cidadanía, etc.. En todo isto La Voz de Galicia ven actuando á contra dos intereses xerais dos veciños e das veciñas de Ferro Terra. Nós queremos ser claros, mais non inxenuos: recoñecemos a filiación da sistemática des-información, silencios e exclusións practicada por La Voz de Galicia, que nunha manchea de temas amosa a pantasma de poderosos intereses económicos cunha trama espúrea que a cidadanía comprometida ten a obriga de denunciar.
Na actual sociedade chamada de globalización capitalista, o impacto dos medios de comunicación acada unha grande importancia, quizais máis que noutrora. Os grandes medios de comunicación de masas teñen como obxectivo primeiro procuran gañar cartos e deste imperativo despréndese o corolario que fai que tendan a soster ideoloxicamente os poderes políticos e económicos dos que se “alimentan”. O grupo La Voz de Galicia é unha empresa privada que vai por un mal camiño sobre dunha base equivocada de que “solo existe o que se publica no seu xornal”, un erro de vulto porque tamén estamos entrando na chamada sociedade da información na que hai moitos medios e formas de comunicación.
Nada hai que obxectar a que un grupo de comunicación privado manteña a liña editorial que estime oportuna, consonte os seus intereses, mais si temos dereito, a cidadanía, a dispor dunha información veraz e plural, como recolle o artigo 20 da Constitución. Debémosnos e debémoslle a Ferrol Terra o compromiso de esixir a La Voz de Galicia que a transmisión dos feitos sexa obxecto de contraste e careo, con fontes diversas e datos mismamente fiables, en vez dos datos falsos ou manipulados, asemade dos silencios e censuras ás posicións distintas que La Voz de Galicia, en temas importantes que afectan a Ferrol Terra, nestes últimos anos se nega a publicar por ser daqueles que “non comulgan coas rodas” de muíño do propio medio, practicando éste o sectarismo da trasnoitada dictadura franquista, vulnerando os actuais dereitos constitucionais.
Mais pensamos que non todo vale nesa nefasta dinámica, polo que La Voz de Galicia debe mellorar cara a una información con valores que cómpre preservar, entre eles sinaladamente dous: VERACIDADE e PLURALIDADE. Se ámbolos dous se vulneran, comprométese de xeito irremediable a calidade da información, reducida entón a pobre condición dunha función informativa prostituída, mera mercadoría.
Queremos preservar da nosa crítica aos abnegad@s e bos profesionais traballador@s do grupo La Voz, non exentos da enorme precariedade laboral; paradoxos da globalización, que exalta a información e castiga as condicións de traballo d@s que a producen.
E lamentable que o Presidente do grupo Voz, Santiago Rei Fernández Latorre, por unha maioría dos concelleiros de Ferrol se lle teña otorgado o título de fillo adoptivo da cidade, nun contexto en que seu xornal está exercendo a maior censura e manipulación informativa en temas de moito interese para a maioría dos ferroláns e ferrolás, cos correspondentes perxuicios para a cidade.
O noso fondo malestar crítico e racional, pode condensarse nunha demanda de rectificación da praxe do grupo La Voz de Galicia, co fin de que sexan respectados os criterios de veracidade e pluralidade inherentes a unha praxe informativa honesta e profesional. Por todo ilo, como cidadanía crítica e informada, DEMANDAMOS: unha mínima información veraz e plural, de La Voz de Galicia, dos feitos e demandas sociais que acontecen na nosa bisbarra e nos temas que lle afectan.
Mentras non sexan satisfeitas estas demandas, o colectivo de “Os sen Voz de Galicia” seguirá incrementando seu número, e promovendo que non se merque dito xornal hasta que cambie súa inercia.
En Ferrol , a 20 de Marzo de 2007.
Saúdos ferrolterráns e ferrolterrás.
“Os sen Voz de Galicia”
- - - - - - - - - - - - - - - - - -